Quarta-feira, 7 de Janeiro de 2009

O lobo e a raposa, dos Grimm

O lobo sempre levaba ao seu lado a raposa. Todo o que o lobo desexaba, a raposa apresurábase a cumprir, pois era a máis feble dos dous, aínda que non vía a hora de se desfacer do seu amo.
...
Aconteceu que un día, da que ían polo bosque, o lobo dixo:
...
- Ah, raposa fogosa, consígueme algo de comer, ou voute comer a ti.
...
A raposa respondeulle:
...
- Coñezo unha granxa onde hai dous años. Se che peta, podemos ir e facernos con un deles.
...
Aquela idea gustoulle ao lobo. Foron para aló e a raposa roubou un año, levoullo ao lobo e despois marchou. O lobo devorou o año, mais non estaba satisfeito cun só año, de xeito que tamén quería o outro, así que foi por el. Mais como fixo tanto barullo, a mai do año sentiuno e comezou a balar desesperadamente, tanto que os granxeiros saíron e apañaron o lobo. Bateron nel sen piedade, tanto que cando o lobo volveu onda a raposa ía todo esmagado e cheo de negróns.
...
- Xogáchesma ben -dixo o lobo á raposa-. Quixen pillar o outro año, mais os labregos me sorprenderon. Déronme unha tunda brutal.
...
- Iso é por seres tan glotón -espetoulle a raposa.
...
Ao outro día volveron ao campo. De novo o glotón do lobo dixo:
...
- Raposa fogosa, consígueme algo de comer ou voute comer a ti.
...
Daquela a raposa respondeulle:
...
- Sei dunha quintana onde a paisana está a cociñar filloas para a cea. Imos pillar algunhas para nós.
...
Foron para aló e a raposa escoou até onde estaba o prato. Apañou seis filloas e levoullas ao lobo.
...
- Aí tes algo para comer -dixo a raposa ao lobo e logo marchou.
...
O lobo enguliu as filloas de inmediato e díxose:
...
- Estas filloas danme aínda máis fame.
...
Foi onde estaban o resto, agarrou o prato, mais esnaquizouno no chan. Aquilo causou tal escandaleira que a muller saíu e chamou á xente da aldea, a cal correu no seu auxilio. Bateron no lobo con paus, até que o deixaron coxo de dúas pernas, ouveando de dor. Así volveu onda a raposa no bosque.
...
- Mira que ma xogaches ben desta! -espetoulle-. Os labregos pilláronme e déronme unha boa tunda.
...
- Iso é por seres tan glotón -espetoulle a raposa.
...
No terceiro día, cando saíron, o lobo coxeaba cheo de dor. Por iso díxolle á raposa:
...
- Raposa fogosa, consígueme algo de comer ou voute comer a ti.
...
A raposa respondeu:
...
- Sei dun paisano que estivo ultimamente de matanza. Ten toda a carne en salmoira nun barril no sobrado.
...
- Iremos até alí -dixo o lobo-. Mais eu hei acompañarte, para me axudares caso de eu non poder escapar.
...
- Con moito gusto -dixo o raposo.
...
E mostroulle ao lobo todos os buratos e os pasos até alcanzar o sobrado. Había comida a esgalla. O lobo lanzouse sobre ela sen o pensar un instante, da que pensaba:
...
- Teño tempo de máis até que haxa marchar.
...
Aquilo tamén lle era moi tentador á raposa, mais non facía máis que mirar para todos os lados. Ademais, de cando en vez ía até o burato polo cal entraran para ver se o seu corpo aínda cabía por alí. O lobo díxolle:
...
- Cara raposa, dime por que corres tanto por aquí e por aló, e por que entras e saes todo o tempo?
...
- Hei comprobar que non nos vén alguén -respondeu a matreira raposa. E non comas tanto.
...
- Non vou parar até baleirar o barril.
...
Entrementres, o granxeiro, que sentira o ruído dos saltos da raposa, veu ao sobrado. Así que o viu, a raposa liscou polo burato para fóra. O lobo quixo seguila, mais como comera tanto, engordara de máis, polo que quedou entupido no burato. O granxeiro bateuno cunha forca até o matar. A raposa, porén, escapara para o bosque, toda leda de se ter desfeito para sempre daquel glotón.

© da tradución: Xafrico, todos os dereitos reservados.

0 comentários: