E sendo budista, Lalo non podía deixar de asistir a visita do Dalai Lama á capital. Ficou na fila durante horas, a soportar frío, a pasar sede, mais todo por estar uns segundos cara a cara perante aquel home único e irrepetíbel para despois contalos aos seus coñecidos, a súa ex muller incluída. A cerimonia era moi simple: cada visitante sentaba no chan perante o Dalai Lama uns segundos e este, após miralo aos ollos uns segundos, diríalle algo que o intérprete ao lado traduciría a cada persoa. Cando lle chegou a quenda, o Lalo tremía coma un cativo da emoción. Sentou fronte ao home santo e aguantou a ollada. Despois o Dalai Lama díxolle:
— Lalo... —xunto cunha breve frase incomprensíbel, seica chea de compaixón, nun ton amoroso, en idioma tibetano.
O Lalo ollou para o Dalai Lama fascinado. Até sabía o seu nome!! Que home santo e sabio!! Esquecera de todo ollar para o intérprete, que daquela entrou en escena para traducir, tamén nun ton de voz suave, case entre murmurios:
— O Dalai Lama acaba de dicirlle: «Lalo, por que es tan fillo de puta? Na verdade, non o entendo».
© Frantz Ferentz, 2011
0 comentários:
Enviar um comentário