A Miroslava, porén, tiña unha obsesión. Recollía compulsivamente os cabelos que ficaban nos sumidoiros. Era unha cantidade considerábel a que alí caía; tratábase de cabelos da cabeza, sedas ou cabelo púbico, aínda que este último era o que máis ela apreciaba. Sen que ninguén se decatase, ela gardaba todo en bolsiñas de plástico sacaba de todas as casas onde traballaba.
A vella morreu de repente. Só notaron a súa ausencia porque as casas comezaban a encherse de merda. Cando a policía, cabo dunha semana da súa falta, entrou no seu mísero apartamento, descubriu que, porén, a muller vivía entre vestidos dun tecido semellante à seda. Ela xacía no seu leito, morta por causas naturais —desnutrición basicamente—, por iso axiña se esqueceron dela e levaron os vestidos a analizar. A conclusión foi incríbel, estaban feitos a man con pelo humano tratado. Mais o tratamento do pelo humano, ese levárao a Miroslava para a foxa... ou ían querer que por catro euros de merda, por riba lles dixese a aqueles coiróns como transformar o cabelo púbico en algo semellante à seda?
© Frantz Ferentz, 2011
0 comentários:
Enviar um comentário